A Fundación Amancio Ortega é unha institución sen ánimo de lucro que comeza a súa actividade no ano 2001 froito da inquedanza filantrópica do seu fundador e do seu desexo de contribuír á creación dunha sociedade mellor.
No ánimo de ampliar e estender o benestar a todos os integrantes da sociedade, todos os proxectos da Fundación Amancio Ortega comparten o obxectivo da creación de oportunidades para os beneficiarios das súas accións, en especial para aqueles que conviven con situacións de maior vulnerabilidade.
Con este propósito, actúa en dous sectores clave para acadar unha vida de calidade: a Educación e o Benestar Social. Os valores persoais e o estilo de xestión do seu fundador son a principal fonte de inspiración da estratexia e do día a día da institución. Así, a Fundación Amancio Ortega traballa desde a comprensión e o compromiso, cun marcado sentido da solidariedade, da autenticidade e do esforzo constante.