A Lei 6/2023, do 17 de marzo, dos mercados de valores e dos servizos de investimento, na súa disposición adicional cuarta (Restricións relativas aos investimentos financeiros temporais de entidades sen ánimo de lucro), dispón: “1. A CNMV e o Banco de España, cada un no ámbito da súa supervisión, aprobarán códigos de conduta que conteñan as regras específicas ás que se deberán axustar os investimentos financeiros temporais que fagan as fundacións, establecementos, institucións e asociacións sen ánimo de lucro, colexios profesionais, fondos de promoción de emprego, mutuas colaboradoras coa Seguridade Social e, de ser o caso, as demais entidades suxeitas a tipos de gravame reducidos no imposto sobre sociedades que non teñan un réxime específico de diversificación de investimentos, co fin de optimizar a rendibilidade do efectivo de que dispoñan e que poidan destinar a obter rendementos de acordo coas súas normas de funcionamento.
Baseándose neste precepto (cuxa redacción estaba anteriormente recollida na disposición adicional quinta do Real decreto lexislativo 4/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do mercado de valores) que procede da Lei 44/2002, do 22 de novembro, de medidas de reforma do sistema financeiro, a Comisión Nacional do Mercado de Valores (en diante, a “CNMV”), mediante acordo do 20 de novembro de 2003, aprobou un código de conduta das entidades sen ánimo de lucro para a realización de investimentos financeiros temporais. Pola súa banda, o Banco de España, mediante acordo do Consello de Goberno do 19 de decembro de 2003, dispuxo que o devandito código se aplicase nos mesmos termos aos investimentos financeiros temporais das entidades sen ánimo de lucro en forma de depósito, préstamo, cesión temporal de activos financeiros ou outras análogas que levasen aparellada a obriga de restitución e que non estivesen suxeitas ás normas de ordenación e disciplina do mercado de valores.
O Consello da CNMV, na súa reunión do día 20 de febreiro de 2019, aprobou un novo código de conduta relativo aos investimentos temporais das entidades sen ánimo de lucro (BOE nº 55, do 5 de marzo de 2019) que substitúe o aprobado polo propio Consello o 20 de novembro de 2003.
O código de conduta da Fundación Amancio Ortega Gaona (en diante, a "Fundación") para a realización de investimentos financeiros temporais expresa o compromiso da Fundación coa adecuada selección dos seus investimentos financeiros temporais, valorando a seguridade, liquidez e rendibilidade que ofrecen as distintas posibilidades de investimento. Este compromiso é, ademais, esixencia do artigo 15.2 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, que establece que “Corresponde ao padroado cumprir os fins fundacionais e administrar con dilixencia os bens e dereitos que integran o patrimonio da fundación, mantendo o seu rendemento e utilidade”.
Co fin de dar cumprimento ao previsto nas citadas normas e de regular a política de investimentos financeiros, o Padroado da Fundación decidiu aprobar o seguinte código de conduta (en diante, o “Código”).
A Fundación foi dotada polo seu fundador cunha cantidade de diñeiro en metálico (en diante, a “Dotación Fundacional”), ademais de recibir donativos destinados a facer fronte aos proxectos que leva a cabo, e obtén os ingresos que permiten desenvolver a actividade fundacional investindo os fondos en diferentes activos financeiros.
O presente Código é aplicable aos investimentos financeiros temporais que a Fundación realice tanto da dotación fundacional como dos donativos recibidos en tanto non se apliquen aos proxectos aos que van destinados.
Para os efectos do presente Código, consideraranse investimentos financeiros temporais todos os investimentos en instrumentos financeiros, agás os seguintes:
Para os mesmos efectos, teñen a consideración de instrumentos financeiros os recollidos no artigo 2 da Lei 6/2023, do 17 de marzo, dos mercados de valores e dos servizos de investimento.
A Fundación contará con medios humanos e materiais e con sistemas para a selección e xestión dos seus investimentos en instrumentos financeiros que sexan adecuados e proporcionados ao volume e natureza dos investimentos que realice ou pretenda realizar.
O Padroado designará de entre os seus membros, por un período de tres anos renovable por sucesivos períodos de igual duración, un responsable dos investimentos financeiros da Fundación, coas finalidades de supervisar a selección de investimentos, velar polo cumprimento deste Código e elaborar o informe que anualmente deberá remitirse ao Protectorado sobre o cumprimento deste. O responsable dos investimentos financeiros deberá ter coñecementos técnicos e experiencia suficientes para o desempeño da súa función; se non os tivese, ou se a pesar de telos o considerase conveniente, poderá propor ao Padroado a contratación de asesoramento profesional externo por terceiros que ofrezan garantías de competencia profesional e independencia e que non estean afectados por conflitos de interese.
Na medida en que a carteira de investimentos teña un valor superior aos dez millóns de euros, constituirase un Comité de Investimentos integrado por un mínimo de tres membros, dos que polo menos dous contarán cos coñecementos técnicos e experiencia suficientes para a función desenvolvida, que deberá reunirse regularmente, como mínimo catro veces ao ano, e cuxa misión consistirá en asistir o responsable dos investimentos financeiros na selección daqueles que sexan aptos de acordo co previsto no presente Código. O responsable dos investimentos financeiros formará parte do devandito Comité e terá a condición de presidente deste.
Na medida en que a carteira sexa significativa, tamén se contará cunha función de control interno, que deberá ter suficiente autoridade e independencia e ser desenvolvida por persoal con coñecementos adecuados ou delegarse en entidades especializadas, para comprobar o cumprimento da política de investimentos e asegurar que a Fundación conta en todo momento cun sistema adecuado de rexistro e documentación das operacións e de custodia dos investimentos.
3.1.- Principios
Para a selección dos investimentos da Fundación en instrumentos financeiros valorarase a seguridade, liquidez e rendibilidade que ofrezan as distintas posibilidades de investimento, vixiando que exista o necesario equilibrio entre estes tres obxectivos e atendendo ás condicións do mercado no momento da contratación, para o que se terán en conta os seguintes principios:
3.2.- Tipoloxía dos investimentos
A Fundación poderá materializar os seus investimentos nos produtos que se indican a continuación:
Todos os produtos financeiros contratados pola Fundación estarán denominados en euros como criterio xeral. Poderanse contratar produtos denominados noutras moedas dos países membros da OCDE cando a Fundación deba efectuar pagamentos nas devanditas moedas. Con todo, a contratación deste tipo de operacións non deberá superar o 10 % do total do importe investido ou o importe da obriga comprometida en firme, se for maior.
A Fundación non investirá en produtos de renda variable nin en produtos derivados (opcións, futuros, SWAPS, FRAS, IRS ou similares), agás os que estean destinados a reducir o risco de tipo de cambio da Fundación en determinadas operacións e estean expresamente autorizados polo Padroado.
Calquera outro título non mencionado anteriormente non poderá ser contratado sen a autorización expresa do Padroado.
3.3.- Límites
O investimento dos recursos líquidos da Fundación estará sometido aos seguintes límites:
TIPO DE TÍTULO |
LÍMITE MÁXIMO DE INVESTIMENTO SOBRE A CARTEIRA |
LÍMITE MÁXIMO POR EMISOR SOBRE A CARTEIRA |
Débeda Pública | 100% | 40% |
Depósitos bancarios e adquisicións temporais de activos | ||
Participacións en fondos de investimento mobiliario | 100% | 25% |
Activos de renda Fixa | 100% | 15% |
Produtos de renda variable | 0% | |
Produtos derivados |
Un importe equivalente á Dotación Fundacional deberá investirse necesariamente en débeda pública, depósitos bancarios ou adquisicións temporais de activos.