O proxecto Terras Altas de Tanzania, desenvolvido en colaboración con Agrónomos Sin Fronteras, supuxo a constitución dunha cooperativa para a explotación dunha plataforma de tratamento poscolleita e de almacenamento de produto que sustenta a 6000 persoas e amplía o seu ámbito de influencia ata os 30.000 beneficiarios indirectos na zona de Pawaga. O programa parte da idea de que a mellor forma de loitar contra a pobreza e a fame en comunidades agrícolas reside en ofrecer ás familias a mellor formación posible en técnicas de cultivo e gandería.
Con este modelo como referente, o proxecto Terras Altas estendeuse á área de Kilolo nunha segunda fase, onde a agricultura, a gandería e a fruticultura son as principais fontes de abastecemento dos seus habitantes. Os logros obtidos servirán a outras áreas do país como exemplo de experiencia de traballo agrícola eficiente.