No curso 2017/2018, a Fundación Amancio Ortega levou a cabo unha experiencia piloto de formación para profesores que permitiu a 50 docentes acabados de titular residir durante un ano académico en Canadá, onde ampliaron os seus coñecementos en materia pedagóxica, perfeccionaron o seu dominio do inglés e conviviron de maneira directa co mundo educativo canadense en centros reais.
O contido do programa foi deseñado de maneira específica polas autoridades educativas canadenses do distrito de Ottawa-Carleton e a Fundación Amancio Ortega, coa colaboración de centros universitarios canadenses (universidades de Ottawa e Queens). Unha vez completado o módulo académico, os participantes incorporáronse durante catro meses ao claustro de profesores dun centro público do distrito de Ottawa (Ontario), participando activamente na vida académica do centro.