En abril de 2023, a Fundación Amancio Ortega e Cruz Vermella chegaron a un acordo para poñer en marcha un innovador programa para reducir a soidade non desexada, o illamento social e a “fenda dixital” que sofren as persoas maiores de 65 anos. Grazas á colaboración entre ambas as entidades, 26 000 persoas de toda España contarán no seu fogar con dispositivos de voz con aplicacións específicas que contribuirán á súa autonomía e acompañamento.
O proxecto inclúe a instalación dos aparellos e, naqueles casos nos que for necesario, a conexión en liña dos fogares. Ademais, a rede de voluntarios de Cruz Vermella acompañará e formará os beneficiarios do programa. Este proxecto terá unha duración de tres anos e conta cun orzamento aproximado de 15 millóns de euros, asumidos integramente pola Fundación Amancio Ortega.