Durante o desenvolvemento do proxecto Escolas infantís de Galicia, a Fundación Amancio Ortega detectou a oportunidade de ampliar o alcance da súa intervención en dous dos nove municipios beneficiarios a través dun tipo máis completo de instalación social pioneiro en España: o centro interxeracional.
A partir desta decisión, o deseño das escolas infantís proxectadas para Arteixo e Ourense incorporou dentro das súas mesmas instalacións espazos para a atención de persoas maiores. Concretamente, o centro interxeracional de Ourense acolle nun mesmo edificio a escola infantil e un centro de día para maiores para a promoción da autonomía persoal e a prevención da dependencia. O centro de Arteixo, pola súa parte, consta de escola infantil e de residencia para maiores con centro de día.
Esta aposta pola creación de espazos compartidos para que nenos e maiores convivan, interactúen e intercambien experiencias non só responde a necesidades vencelladas á conciliación familiar, senón que actúa tamén sobre un concepto máis amplo de benestar, xa que aumenta as oportunidades de envellecemento activo e de calidade que reciben as persoas maiores.