En xuño de 2024, a Fundación Amancio Ortega e o Hospital Sant Joan de Déu Barcelona asinaron un convenio de colaboración para impulsar a investigación das enfermidades minoritarias. A través deste acordo, a Fundación achegará os 60 millóns de euros necesarios para a construción e o equipamento dun centro pioneiro a nivel internacional na investigación e na atención destas patoloxías, denominado “Únicas Sant Joan de Déu”.
O centro construirase nuns terreos próximos ao Hospital cedidos polo Concello de Esplugues de Llobregat. Cunha superficie de case 14 000 metros cadrados e seis plantas de altura, disporá das instalacións máis avanzadas para a investigación e o tratamento das enfermidades minoritarias: diversas plataformas para realizar estudos de xenómica, metabolómica e radiómica, así como un centro de caracterización multimodal infantil. Tamén poderá ofrecer novas terapias, como a terapia xénica e celular ou a neuromodulación e a estimulación cerebral profunda.
Grazas a este centro, o Hospital Sant Joan de Déu impulsará a investigación das enfermidades minoritarias e a aplicación de novas terapias. Así, os menores afectados por estas patoloxías poderán ser diagnosticados con maior antelación e acceder a novas terapias avanzadas e tratamentos innovadores personalizados.
Este centro formará parte da Rede Únicas, composta por 30 hospitais de toda España e impulsada polo Hospital Sant Joan de Déu e a Federación Española de Enfermidades Raras. Esta rede ten como obxectivo promover o intercambio de información e compartir coñecementos en diagnóstico de precisión e novas terapias, para beneficiar así a todos os pacientes pediátricos, con independencia do lugar de España onde residan.