En outubro de 2024, a Fundación Amancio Ortega e a asociación ASPANANE asinaron un convenio de colaboración para a construción dun centro residencial en Xove (Lugo) para adultos con discapacidade intelectual.
O centro, para cuxa construción a Fundación Amancio Ortega aportará 10 millóns de euros, contará con 50 prazas destinadas a ofrecer unha atención integral e multidisciplinar en réxime residencial aos seus usuarios. Contará con servizos de aloxamento, atención especializada, rehabilitación, atención psicolóxica e atención social.
Situada sobre unha parcela dotacional de máis de 6.000 m² cedida polo Concello de Xove, o proxecto arquitectónico prevé a construción de 4 plantas cunha superficie total de preto de 4.000 m² destinados aos residentes.
A organización da residencia parte da idea de crear pequenas unidades de convivencia, rompendo coa frialdade da forma tradicional de coidado e asentando o seu deseño no concepto de fogar. Terá un total de 6 unidades de convivencia, cada unha delas con espazos comúns para lecer e descanso.
O edificio contará con todas as medidas tecnolóxicas e de eficiencia enerxética máis innovadoras. O financiamento achegado pola Fundación Amancio Ortega inclúe tamén todo o equipamento necesario para atender os distintos servizos (residencial, administración, enfermaría, rehabilitación e servizos auxiliares).