En marzo de 2023, a Fundación Amancio Ortega e a Fundación Porque Viven presentaron o proxecto do primeiro centro integral de coidados paliativos pediátricos de España. A instalación permitirá ofrecer unha atención integral e personalizada a nenos e adolescentes afectados por enfermidades complexas e crónicas que ameazan seriamente a súa vida.
O centro, promovido pola Fundación Porque Viven —que traballa para desenvolver os coidados paliativos pediátricos complementando os servizos públicos de saúde— contará con 15.000 m2 e estará rodeado por outros 5.000 m2 de xardíns. A súa construción, cun orzamento de 30 millóns de euros, será financiada integramente pola Fundación Amancio Ortega.
Entre os servizos previstos para o centro, que será construído no Distrito de San Blas de Madrid, atópanse un centro de día con 24 prazas, 30 habitacións para ingresos e 4 apartamentos de despedida. Tamén contará con servizos complementarios, como farmacia, salas de fisioterapia, terapia ocupacional, hidroterapia en piscina, atención psicolóxica a pacientes e familiares, espazos lúdicos e de descanso, espazo multiconfesional, etc.