Na edición 2020/21 do Programa de Bolsas da Fundación Amancio Ortega, as restricións ligadas á pandemia da covid-19 impediron o traslado dos 600 bolseiros a Estados Unidos e Canadá. No seu lugar, o Programa de Bolsas deseñou especificamente para eles un novo programa educativo que puidesen realizar de maneira non presencial e en paralelo aos seus estudos de 1º de Bacharelato en España: o Advance Talent Training, en colaboración co Massachusetts Institute of Technology (MIT) e a Universidade de Cambridge.
Na primeira parte do programa, os participantes realizaron unha inmersión en disciplinas STEAM (Science, Technology, Engineering, Arts and Mathematics) deseñada e dirixida polo MIT, unha institución referente mundial nestes campos de coñecemento. Durante un trimestre e a través de clases, charlas, obradoiros e actividades colectivas en pequenos grupos, abordáronse temáticas como a intelixencia artificial, a exploración do espazo, a relación entre a música e a física do son ou a creatividade matemática.
Na segunda parte do programa, os 600 estudantes participaron nunha formación lingüística individualizada de alto rendemento a cargo da Universidade de Cambridge, dirixida a situar as súas habilidades no manexo do inglés como ferramenta académica e profesional ao máximo nivel. Tras dous trimestres completos de formación, os participantes no programa completaron esta experiencia superando unha proba oficial de recoñecido prestixio internacional que lles facilitará grandes oportunidades tanto no mundo académico como no seu futuro profesional.